Hoxe luns, ás 19.00 h,
a cooperativa ribadense MAUmarela! dará unha conferencia aberta a nais e pais
onde se tratarán os programas de estimulación das habilidades da intelixencia
nos nenos e nenas.
Ribadeo, 30 de setembro 2013.- A cooperativa
MAUmarela! organiza esta tarde do luns 30 de setembro unha conferencia aberta a
nais e pais onde se falará sobre os diferentes programas de estimulación das
habilidades da intelixencia que imparte este Espazo de Aprendizaxe e
Creatividade Pedagóxica con sede en Ribadeo. A conferencia estará conducida por
Carolina García Chico, coordinadora da área pedagóxica de MAUmarela! E Guillermo
Hernández, coordinador de Formación.
A
conferencia, aberta e gratuíta, inaugurará a semana de portas abertas en MAUmarela!
Nen@s
e adult@s poderán coñecer a oferta formativa do centro, que pasa por Arquitectura
para pícar@s, debuxo, escultura, escritura creativa, taller de Xornalismo e blogs,
Filosofía para Nen@s, chinés... Unha oferta “innovadora e moderna; variada, pero
sempre cun elemento pedagóxico común, que está envolvéndoo todo”, sinala
Guillermo. “Somos
conscientes de que as propostas non son moi coñecidas, a pesar de levar moito tempo
aplicándose noutros sitios. Por iso queremos abrir as portas a toda a xente da Mariña,
para que se acheguen a coñeceros”, engade.
A
conferencia desta tarde tratará un tema que inqueda a moitas nais e pais: “Falaremos
do concepto de intelixencia e de cómo cremos que se pode potenciar, entre
outras cousas, a través dos nosos programas”, sinala Carolina. “Nós cremos que
a intelixencia é algo evolutivo, non é que as nenas ou nenos se vaian facer
máis listos. O que podemos é dar pautas para exercitar a intelixencia. Alguén que
corre exercítase correndo a intelixencia tamén hai que estimulala”. En MAUmarela
apostan pola estimulación da creatividade aplicada aos estudos, incidindo na
parte motivacional e buscando novas metodoloxías.